Friday 03 de May de 2024

A rúa Atenas contará con redes de recollida de augas residuais e pluviais


 

O Concello acaba de abrir o proceso de licitación para as obras que serán executadas nun prazo de tres meses e permitirán que as vivendas da veciñanza desta rúa da Zapateira pasen a estar conectadas aos sumidoiros municipais

O Concello abre o proceso de licitación para a instalación de redes de saneamento separativo na rúa Atenas. As obras, que se adxudicarán mediante un procedemento aberto significativo, terán un prazo de execución de tres meses e estarán financiadas pola Deputación Provincial da Coruña ao estaren incluídas para a participación municipal no Plan provincial de cooperación de obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos
-POS+2018). O valor do contrato estímase en 162.882,62 euros cun orzamento base de licitación que ascende a 179.170,88 euros, 148.075,11 euros sen contar cos impostos. A tramitación do convenio realizarase de forma ordinaria e a presentación de documentos farase pola vía electrónica en galego ou en castelán.

Os traballos consistirán na introdución das redes de recollida das augas residuais, que ata o de agora non tiña esta rúa da Zapateira, e de redes pluviais, que estarán formadas por colectores de 500 mm de diámetro. Estes últimos conducirán a auga da choiva a 18 sumidoiros conectados aos pozos por tubaxes de PVC de 200 mm de diámetro. Os pozos de rexistro estarán separados por un máximo de 25 metros. Na actualidade, as pluviais discorren pola plataforma mentres que as augas residuais se tratan de maneira individual en cada unha das vivendas.

O proxecto supoñerá para a veciñanza do barrio unha mellora na calidade de vida e unha solución medioambiental, xa que se evitarán posibles verteduras de líquidos que pasarán directamente á rede xeral de sumidoiros para seren tratadas posteriormente, co que se reducirá tamén o volume de augas pluviais que avanzan pola superficie. O feito de distinguir o tipo de augas axústase á intención do concello que busca no futuro contar cun sistema separativo total.